Se falamos de mulleres galegas pouco se fala de Matria. Se falamos da vida das mulleres galegas, hai moito que se esqueceu.
Ramona é a personificación de moitas mulleres galegas. Esas que espertan cedo, van para o traballo e fan o que sexa polas súas fillas, as súas netas e polo seu marido. Pode que o seu entorno, a súa vida laboral, non sexa o mellor. Ramona lévao todo en silencio; un silencio tan delator como culpable, dunha muller que é Matria: aquela que leva a toda unha familia enteira sen mostrar un só sentimento.
Para falar desta curta dirixida por Álvaro Gago temos que ir primeiro ao significado do título da curta, porque xa é aí onde comeza a historia. Matria é un neoloxismo que emprega tamén Isabel Allende nas súas novelas para reformular a idea de patria; e tamén foi empregada moito tempo antes por Miguel de Unamuno e Jorge Luis Borges para describir a esas mulleres que sustentan a vida dunha familia, que nos seus tempos se entendía tamén como sustento de nación. Así, a muller sería coma " a forza dunha nación." ou "a natureza mesma en acción." Esa que o leva todo, esa que o fai todo. Isto é o que vemos en Matria.
Nos 21 minutos de curta vemos como Ramona, unha muller que traballa na conserva, apenas fala. Ela levantase pola mañá, vai para o traballo e xa ten que aguantar á encargada da fábrica e os seus desprezos cara as compañeiras. Ela ten un encargo da súa filla, un favor que lle pediu do que ela se esforza para cumplir co favor aínda se se arrisca a perder o traballo. Vai en bicicleta a todos lados. A súa hora de descanso empregaa para facer as labores. Ela incluso volve á casa só para quentarlle a comida ao seu home e botarlle de comer ás galiñas.
Ramona é, logo, o símbolo da muller galega traballadora que durante moitos anos levou nas súas costas o sufrimento e a perda de vida e de saúde, polo mantemento da familia. Ramona é "natureza en acción" e cumple co seu rol, aínda se incluso as súas compañeiras botan pestes da súa vida diante dela.
Ramona leva sempre consigo o seu rostro sereno, a súa mirada perdida e o seu silencio. Como na obra de Manuel Rivas "todo é silensio mudo", ela: cala e aguanta. Mais hai un sielncio delator: Ramona está ata o carallo. O seu corpo xa lle avisa esvaecéndose, e ten que tomar medicación. A muller, que é Matria, estase desgastando. Algún día non poderá máis, pero ela manteno en segredo, no seu silencio e no seu modo de vida de todo ás presas.
A cámara é tamén cómplice deste pasar do tempo, amosándonos a nivel técnico, un paso de tempo sen transicións na montaxe e con movementos de cámara que parecen retratar a vida mesma, sen parafernalias: "Velaquí a vida de Ramona, unha muller que non para, unha muller que nin á cámara se presta a dicir nada." Hai tamén unha especie de minimalismo, un paisaxismo puramente rural e un tempo moi galego, onde o sol nunca sae. Trátase da vida mesma galega, onde, aínda se chove, Ramona ten que ir igual en bicileta ao traballo, como moitas das mulleres galegas que nunca tuveron a oportunidade de sacar o carné de conducir. Na vida da muller galega manter a familia era o máis importante, incluso por riba de elas mesmas. E por moito silencio que haxa na vida de Ramona, a a cámara sempre di algo máis; e incluso, por moito que os movementos de cámara sexan tan rápidos como a súa vida mesma e o tempo pase tan rápido que pareza que non está sucedendo nada; vemos que o esforzo xa é sobresforzo porque lle está a costar saúde, e que o seu silencio no rostro e a súa mirada perdida é o símbolo dunha muller valente e loitadora, cuxa única trama na súa vida, como nesta curta mesma é: aguantar.
Matria, 21 minutos de documental galego sobre as mulleres que levantaron a nación cando non había quen que o fixera. Ramona, personificación cinematográfica de todas as mulleres que agotadas da vida seguiron traballando e coidando da familia polo seu amor. Símbolo de forza, valentía e tamén...curta para reflexionar sobre o sacrificio, a perda da calidade de vida, o machismo e a vida dunha muller conserveira.


Comentarios
Publicar un comentario